viernes, 28 de agosto de 2020

Rehabilitación Abeleira Menéndez 16. Casco Vello Vigo

Pártese dunha edificación histórica baleirada. Conservando o seu volume orixinal, definido pola ocupación total da parcela e a altura e ocos da fachada protexida, recupérase esta consonte as indicacións da ficha do PEPRI e renóvase o seu interior tendo en consideración a rúa de nova apertura para aproveitamento de luces mediante un patio de fachada que preserva a intimidade dos ocupantes.

As obras a realizar considéranse como reestruturación a efectos do PEPRI, reforma a efectos do CTE, rehabilitación para as NHV e obra nova por ruína económica do existente a efectos urbanísticos.

O programa desenvolvido adáptase ó requirido polo promotor. O local de actividade ocupa a planta baixa, con acceso desde Abeleira Menéndez mediante un vestíbulo de uso compartido para as instalacións xerais do edificio. A vivenda ten acceso desde a rúa de nova apertura e desenvolve un programa de dous dormitorios.

No interior mantense a tipoloxía construtiva de pontóns e trabes cargando nos muros, mais cunha adaptación dos materiais, substituído o taboado por placas de fibra-xeso e a madeira e de pontóns e trabes por aceiro. Con esta solución mantense as cargas orixinais, o que permite seguir empregando os muros coa súa función portante sen causar estrés ós seus alicerces xa perfectamente asentados. Aparece un único esteo de aceiro integrado na carpintería do patio, o que simplifica a solución estrutural e construtiva unha vez se renuncia ás terrazas ‘ventilantes’ do patio no proxecto orixinal.

O proxecto supón unha recuperación histórica do existente e á vez atende á súa nova posición de transición e diálogo entre os equipamentos de Notificacións e Pinacoteca. Así, non só se recupera a fachada protexida, senón que se mantén a ocupación do edificio orixinal rexeitando o patio posterior proposto, mais non obrigatorio, polo PEPRI. E na fachada lateral ás escaleiras créase un patio que permite respirar ó edificio e rememora a horta orixinal ocupada agora pola nova rúa e a outra parcela segregada. 

A fachada principal a conservar se rehabilita segundo a ficha do PEPRI e os seus ocos resólvense cunha nova carpintería de madeira segundo especificacións de material e cor do propio PEPRI, tomando como exemplo as executadas polo Consorcio Casco Vello nas súas rehabilitacións.

Na fachada lateral desmóntase parcialmente o muro de pedra existente para abrir un patio que se pecha na aliñación, por cuestións de seguridade e intimidade, con reixa de aceiro pintado segundo condicións do PEPRI; o cerramento da vivenda cara o patio é todo vidro sobre carpinterías das permitidas no PEPRI. Esta solución do lateral serve de arquitectura ponte entre a tipoloxía existente de vivenda e os novos edificios institucionais (Pinacoteca e Central de Notificacións), que mostra a súa modernidade ó tempo que harmoniza co existente. Porén, o carácter doméstico deste proxecto leva a manter a composición de proporcións verticais propia do casal.

A cuberta é mixta, cunha zona de cuberta a catro augas e outra chan. A ficha do PEPRI prevé xa esta disposición, debuxando ambas cubertas consonte a previsión dun patio que suxire mais ó que non obriga nin en posición nin dimensións.

A cuberta plana e axardinada mantén un diálogo harmonizador coas escaleiras e plataformas públicas do redor, solución máis atractiva que enfrontar ós peóns cunha cuberta de posición baixa en exceso e totalmente domeada polo espazo público, razón pola cal, entendemos, xa preveu a ficha a cuberta chan.

A cuberta a catro augas resólvese en cinc de modo excepcional. Son tres as razóns para xustificar esta excepción. A primeira vén de aplicar a lóxica construtiva tradicional. Dadas as condicións esixidas polo PEPRI a canlóns, baixantes e chemineas, e ocupando esta cuberta tan pouca superficie e elevarse tan pouco, xuntar en tan pouco espazo unha diversidade de materiais semella contrario ó sentir construtivo histórico do lugar. A segunda razón xorde do propio entorno: tendo en conta que as chemineas, para o seu correcto funcionamento deben elevarse por riba da cornixa do lindeiro que ten unha planta máis e que nestas traseiras da mazá se emprega con profusión o cinc, forrar as chemineas de cinc semella a solución máis harmónica. E sendo as chemineas, canlóns e baixantes en cinc e con maior presenza que a cuberta, esta debe considerar o seu material de acabado en consonancia con estes elementos pois, reiteramos, non ten a presenza suficiente para imporse a eles. A terceira razón vén da arquitectura ponte antes sinalada, da necesidade de conxugar cos novos equipamentos públicos: dada a posición da cuberta no tránsito entre eles e a relación entre espazo público e a cuberta chan, a cuberta de cinc é máis un remate deste espazo público ampliado e por elo o remate en tella non semella adoito para tal mester; de feito, é inexistente na tradición.