jueves, 8 de noviembre de 2018

Concurso Panificadora. Vigo

concurso enero 2017

Para a redacción definitiva da modificación do PEPRI, cómpre facer o traballo de campo que na fase de concurso non se puído facer pola falla de acceso á finca. Requírese un levantamento detallado das edificacións da Panificadora, un análise do estado das mesmos, a detección de elementos de valor descoñecido (escaleiras, por exemplo), e a determinación da capacidade de uso que teñen os espazos para así concretar as posibilidades de ubicación do programa dado.
O obxectivo básico é acadar unha ordenación baseada no máximo respecto ás edificación da Panificadora por mor da súa relevancia histórica como arqueoloxía da arquitectura industrial e especialmente o grupo de silos, fito e imaxe de identidade da cidade.
O destino é a dotación pública, mais aceptando tódolos usos permitidos nas condicións xerais de uso do PEPRI, de xeito que a mistura de usos facilite a integración co tecido existente e posibilite un escenario continuo de mobilidade.
Considéranse fundamentais as conexións accesibles co Paseo de Alfonso, a Praza do Rei, a Avenida das Camelias e a integración da Fonte da Falperra como parte do espazo a crear.
A finca da Panificadora conserva os edificios principais, eliminando as construcións auxiliares de nulo valor. Nos edificios protexidos só se admite o incremento de volume no da Falperra por ser a que menos distorsiona tanto a imaxe dos silos como a memoria histórica da fábrica, mais sen permitir a perda dos espazos de tesoiras vistas. Admítense as novas construcións substituíndo ós extremos do edificio protexido da Falperra, na zona triangular de talleres onde un edificio-intercambiador conecta con Praza do Rei e Camelias, e no subsolo baixo espazo libre sen que se modifiquen as rasantes actuais máis aló dos retoques para mellora da accesibilidade. Nos corredores interiores, que en todo caso serán de uso  público, que organizan a parcela permítense os elementos de acceso e comunicación dos edificios así como os elementos de iluminación e ventilación dos sotos.
As edificacións da rúa Santiago rásanse coa Praza do Rei e incorporan no seu deseño a rúa de nova apertura esbozada nas traseiras dos edificios contiguos.
Dado o programa dado no que interveñen institucións públicas, o réxime de promoción máis axeitado semella o convenio ou as concesións, xa que débese manter a unidade de xestión da finca da Panificadora (independentemente do réxime de propiedade actual).